Thursday 19 de September de 2024

O Concello de San Sadurniño organiza tres camiñadas e unha ruta ciclista en familia para os próximos días


As andainas parroquiais arrancan este mércores en Santa Mariña do Monte

 

O sol loita para chegar onda nós nunha guerra sen cuartel que, de momento, van ganando as nubes. Levamos case un mes de primavera e, si ou si, terá que facerse notar nalgún momento. As predicións van nesa liña e, se ben aínda se agardan chuviscas para os próximos días, todo apunta a que as raiolas irán furando pouco a pouco o ceo ata facerse con el. En calquera caso, e aínda chovendo e todo, a primavera convídanos a andar por fóra e a dar longos paseos ao aire libre. Algo que podemos facer na compaña de máis xente e, de paso, descubrir lugares nos que igual nunca estivéramos. Ese é o cometido das tres Camiñadas parroquiais programadas polo Concello desde mañá. Para participar nelas non fai falla inscrición, abonda estar en cada punto de saída nos días e nas horas sinaladas. Ah, e cómpre lembrar que o domingo pola mañá tamén temos a ruta cicloturista en familia, na que podemos apuntarnos o mesmo día ata minutos antes da saída.

As Camiñadas parroquiais son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos -entre 3 e 6 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.

O Concello organizou tres andainas que sairán dos locais sociais sempre ás 16.00 horas. As rutas comezan este mércores 22 de maio en Santa Mariña con punto de partida e de chegada no local social da Golpilleira e dous itinerarios: un de 3.100 m e outro de 5.600. As seguintes serán o luns 27 de maio en Naraío -3,2 km- e o venres 7 de xuño en Lamas, esta última sobre un trazado de 4.200 metros.

Desde o departamento de Deportes aconséllase levar roupa cómoda, chaleco reflectante, calzado sen tacón que non sexa de estrea para que non nos faga vexigas ou rozaduras -o ideal é aquel que protexa os nocellos-, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer. Na actividade farán de guía os grupos de ximnasia de mantemento das respectivas parroquias.

Para participar non fai falla inscrición previa nin tampouco é obrigatorio acudir a todas as rutas, aínda que si moi recomendable como maneira de facer un exercicio ben levadeiro e de descubrir o territorio compartindo a experiencia con outras persoas. Para máis información pódese chamar ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371.

Ruta Cicloturista en familia
E este domingo 26 de maio tamén se vai desenvolver a tradicional Ruta Cicloturista en Familia, que discorrerá por 14 quilómetros de pistas e estradas de baixa dificultade dos arredores do centro urbano e Pedroso.

Sairase ás 11:00h do CPI de San Sadurniño e ofértanse 75 prazas que se cubrirán por orde de inscrición (gratuíta). Poderán participar nenas e nenos de 6 anos en diante e para anotarse será necesario cumprimentar esta ficha, algo que se poderá facer pouco antes da saída ou enviarlla de maneira anticipada ao técnico de Cultura e Deportes (agustin.perez@sansadurnino.gal).